"A día de hoxe a demanda de solo empresarial en Fragamoreira é nula", así de contundente mostrouse o coordinador de Xestur para a zona sur, Javier Domínguez, nunha reunión co alcalde de Poio, Luciano Sobral.
Non obstante o parque empresarial de Fragamoreira, "continúa entre as prioridades" dixo este responsable da empresa pública, "sempre que se acredite a demanda mínima necesaria".
Javier Domínguez, concelleiro do PP en Poio, remitiuse ao decreto polo que se regula o Rexistro de Demandantes de Solo Empresarial. Esta normativa indica que se poderá iniciar o desenvolvemento dun parque empresarial cando exista un 30 por cento de demanda acreditada a través do mesmo.
"A realidade a día de hoxe é que non existe demanda acreditada que xustifique o desenvolvemento do parque empresarial de Fragamoreira, tal como o demostra o feito de que o Rexistro de Demandantes se abrise para este parque empresarial en xuño de 2013, sen que se rexistrase dende entón nin unha soa inscrición no mesmo", anunciou.