As investigadoras da Escola Enxeñaría Forestal, Laura Alonso e Ana Solares, xerarán unha imaxe tridimensional do carballo de Santa Margarida, o ser vivo máis antigo de Pontevedra.
Acompañadas da profesora Julia Armesto, este luns fixeron as medicións desta árbore centenaria cun láser escáner portátil e recolleron os datos cun GPS para poder xeorreferenciar a nube de puntos.
Trátase dunha colaboración da escola universitaria coa asociación cultural do Sentir do Carballo de Santa Margarida que permitirá "capturar como é exactamente" unha árbore con máis de 500 anos de historia, como explica o director da escola, Juan Picos.
O procesado da nube de puntos obtida nesta xornada con tecnoloxía LiDAR permitirá nese senso xerar unha "imaxe tridimensional" que faga posible tanto coñecer con exactitude as dimensións e estrutura deste exemplar de Quercus robur como xerar "reproducións a diferentes escalas do carballo", apunta Picos.
"O que imos facer é virtualizalo, recrear exactamente como é o carballo", sinala o director da EE Forestal dunha iniciativa dirixida a contribuír "á conservación virtual" desta árbore, de tal xeito que, con independencia do que lle poida acontecer a un exemplar cunha "saúde delicada", no futuro poida saberse exactamente "como era o carballo".
Á realización destas medicións asistiron a presidenta da asociación cultural do Sentir do Carballo de Santa Margarida, Esther Portela, e a vicedirectora do IES Luis Seoane, María Xosé Dourado, entidades que impulsaron a candidatura do carballo para ser o representante español na elección da Árbore Europea do Ano 2023, votacións nas que rematou en terceiro lugar.
Tamén asistiu a estas medicións a profesora de Belas Artes da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid Ana Balboa, coa idea, explica, de coñecer "como se está facendo a dixitalización desta árbore e ver a posibilidade de empregar algún tipo de tecnoloxía parecida nun proxecto no ámbito da escultura". Nese senso, Picos subliñou o positivo da colaboración con investigadores doutros ámbitos, "algo que forma parte da filosofía do Campus Crea".