A nova edición do proxecto Xeración Sónica, baseado na música e a creación artística para a mocidade pontevedresa, é xa unha realidade.
A partir deste mércores 15 de setembro os mozos de entre 14 e 17 anos interesados poden anotarse na plataforma apuntate.pontevedra.gal, con 30 prazas dispoñibles coas que se formarán 6 novas bandas musicais.
"Os obxectivos son clarisimos, queremos que a mocidade dispoña dunha potentísima ferramente de difusión cultural a través da música, aproveitando o Local de Música para crecer", explicou o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, sobre unha iniciativa que comezou en 2018 da man de Gonzalo Maceira, Violeta Mosquera e Alejandro Alonso (Estudo Bonobo).
Agora, na que é xa a súa cuarta edición " facemos borrón e conta nova", afirmou Maceira nun ano no que "puxémonos en contacto cos IES da cidade para ofrecerlles a posibilidade de participar", completou Oubiña.
A idea é ampliar aos centros de ensino secundario a rede de participación e tamén á universidade a través da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, coa que se establecerán sinerxias.
"Xeración Sónica é un dos proyectos que fai cidade", defendeu o edil sobre unha proposta que fomenta a creatividade entre os mozos e que gozou de gran acollida nas súas anteriores edicións dando saída a novas bandas canalizadas a través do Local de Música e cunha produción "semiprofesional", todo nunha "aposta polo desenvolvemento e a creatividade local, e polo crecemento cultural".