A Policía Local de Pontevedra detivo este domingo un conductor por atentado á autoridade ao empurrar e forcexar cos axentes.
Os feitos ocorreron ás portas da propia Xefatura.
Segundo o parte policial, tres persoas "bastante alteradas" estaban falando co xefe de quenda xa que o seu coche lles fora inmobilizado por alcoholemia positiva.
O detido, nado en 1999, encarouse aos axentes "de malos modos", preguntándolles como ía facer para regresar á Illa de Arousa xa que non tiña coche.
Ante a suxestión dos axentes que de empregase o transporte público, encarouse a eles, insultounos e chegou a empurrarlos e forcexar.
O Concello de Pontevedra informou que finalmente a Policía tivo que reducir no chan a este individuo, ante a imposibilidade de que depuxera a súa actitude.
POSITIVO EN DROGAS
Por outra banda, nos controis habituais de alcohol e drogas da Policía Local de Pontevedra, os axentes denunciaron en novembro a un condutor por positivo en drogas e sen permiso de conducir en vigor. Cando lle pediron a súa identificación falseou a súa identidade e ofreceu os datos do seu irmán.
Cando a Policía puido, finalmente, identificalo descubriron que tiña perda de vixencia do carné por orde xudicial e perda de puntos sen que tivera feito o curso para poder recuperalos. Ademais, tivera unha suspensión temporal anterior sen que fixera o curso de reeducación pertinente.
Foi denunciado administrativamente pola negativa a identificarse así como por dar positivo en drogas.
A Policía local de Pontevedra mantén unha campaña permanente contra estas condutas tan perniciosas para a seguridade viaria que carrexan serias consecuencias administrativas e penais para os condutores infractores, e pon en perigo ao resto de condutores e peóns.
Ante esta situación, fai un chamamento á colaboración en beneficio de todas as persoas que empregan os espazos públicos, polo que recomenda que se non se están en condicións de conducir, que non se faga.
Conducir tras consumir alcohol ou drogas é unha das causas dos accidentes de tráfico máis graves.