Xavier Labandeira: "Cada un de nós temos bastante que facer para contribuir a reducir o cambio climático"

Pontevedra
28 de xuño 2019

A afirmación realizouna este xoves o catedrático e investigador Xabier Labandeira, con motivo da súa participación no ciclo 'Conversas sobre o cambio climático' organizado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo no café-bar Carabela de Pontevedra

Ciclo 'Conversas sobre Cambio Climático' con Xavier Labandeira no café-bar Carabela
Ciclo 'Conversas sobre Cambio Climático' con Xavier Labandeira no café-bar Carabela / Mónica Patxot

"Cada un de nós temos bastante que facer para contribuír a reducir o cambio climático". A afirmación realizouna este xoves o catedrático e investigador Xabier Labandeira, con motivo da súa participación no ciclo 'Conversas sobre o cambio climático' organizado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo no café-bar Carabela de Pontevedra. 

A actividade, enmarcada no programa anual 2019-2020 'Unha Cuestión de Ciencia', permitiu ao público asistente achegarse aos efectos, causas e consecuencias do cambio climático da man dun dos especialistas galegos máis reputados na materia.  

Xabier é catedrático do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e pertence ó grupo de investigación REDE, que analiza aspectos relacionados con innovación, enerxía, economía e medio ambiente. É, ademais, director de Economics for Energy, un centro de investigación privado especializado na análise das cuestións enerxéticas, e forma parte do Grupo Intergubernamental sobre o Cambio Climático da ONU (IPCC).

A actividade deste xoves, na que contou coa xornalista de PontevedraViva Natalia Puga como moderadora, enmárcase noutra das súas facetas profesionais, pois é un gran divulgador que publica nas principais revistas académicas do seu campo e participa con frecuencia en congresos e seminarios académicos, dedicando gran parte do seu tempo a difundir socialmente as conclusións da súa investigación e a fomentar a transferencia do coñecemento no ámbito da economía enerxética e ambiental. 

Durante a súa intervención en Pontevedra abordou dun xeito ameno e próximo cuestións como o Acordo de París, acordo dentro do marco da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático que establece medidas para a redución das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI), e insistiu en que a mensaxe máis importante que transmite é que "temos que empezar o antes posible a actuar". 

Así, considera que se perderon 15 ou 20 anos de traballo neste eido e que é necesario poñerse as pilas. Os gobernos son os que teñen máis entre as mans para reverter a situación, pero tamén as empresas xogan un papel importante e os cidadáns teñen unhas parcelas importantes para actuar e axudar a frear este grave problema social.

O proxecto de Madrid Central, a peonalización de Pontevedra, a situación de empresas como Alcoa ou a encrucillada ante a que se atopa o sector do transporte centraron parte da intervención de Xavier Labandeira, que advirte de que as persoas con menores recursos son as que se atopan nunha situación máis delicada no panorama actual e chama a toda a poboación a tomar conciencia.

 Non se esqueceu tampouco dos medios de comunicación e o seu papel a xogar. Precisamente, esta semana participou en Madrid nunha reunión impulsada pola Fundeu, a Fundación do Español Urxente e EFEverde, a plataforma ambiental da axencia de noticias EFE, que constituíron un grupo de expertos para analizar a linguaxe coa que os medios informan á cidadanía sobre a situación ambiental e a crise climática.

Este grupo, constituído por científicos, comunicadores, xornalistas e filólogos reflexiona sobre o feito de que algúns dos termos que se usan para informar sobre este problema (a propia expresión 'cambio climático', entre eles) posiblemente non son suficientemente claros e expresivos para que os cidadáns perciban con claridade a súa magnitude e as súas consecuencias e aposta por usar outras expresións como crise, urxencia ou emerxencia climática. Labandeira é partidario desta revisión e análise dos termos a usar e comparte a percepción de que a cidadanía non é totalmente consciente dos perigos que ten por diante