Xarro de auga fría para Alfageme: El Consorcio non puxará pola conserveira

O Salnés
20 de novembro 2012

Así llo comunicaron os directivos do grupo cántabro aos sindicatos CIG e CXT, con quen se reuniron hoxe para informalos da súa decisión. Despois de que a súa oferta, xunto coas outras dúas presentadas, fose rexeitada polo Igape "por non cumprir os requisitos esixidos", El Consorcio desistiu do seu interese por Alfageme

Reunión das traballadoras de Alfageme con representantes de El Consorcio
Reunión das traballadoras de Alfageme con representantes de El Consorcio / PontevedraViva

Os peores presaxios para o futuro de Alfageme e dos seus 150 postos de traballo confirmáronse. El Consorcio anunciou que non puxará para comprar a conserveira. Así llo comunicaron os directivos do grupo cántabro aos sindicatos CIG e CXT, con quen se reuniron hoxe para informalos da súa decisión.

Despois de que a súa oferta, xunto coas outras dúas presentadas, fose rexeitada polo Igape "por non cumprir os requisitos esixidos", El Consorcio desistiu do seu interese por Alfageme. Anuncia que non participará na poxa das naves de Ribadumia e Vilaxóan (Vilagarcía de Arousa) e da marca Miau, prevista para o 20 de decembro.

Só un compromiso firme e por escrito da Xunta de Galicia, no que se garanta ao grupo cántabro o financiamento necesario para sacar adiante o plan industrial, podería facer cambiar de idea aos responsables de El Consorcio.

Por iso é polo que ambos os sindicatos instan ao goberno galego a "mover ficha" e resolver o conflito garantindo os postos de traballo. "Se a Consellería quere que esto termine así, alá eles, nós imos a seguir coa demanda por prevaricación", anunciaron as centrais sindicais.

 

En todo caso, segundo Rosa Abuín, El Consorcio "pide que se cumpla o acordo que asinaron coa Xunta en 2011", e engadiu que a Consellería de Economía e Industria "vai ter que retomar o tema", dado que, se a empresa cántabra non puxa polos bens, o futuro de Alfageme pasaría, ao seu xuízo, por una "poxa pura e dura" na que "non se garantirían os postos de traballo e a continuidade da actividade industrial".

Arquivado en