A investigadora e farmacéutica Leticia Herrero Poch elaborou unha fórmula para encontrar o xarope de sabor perfecto e adaptado a cada padal dos nenos que necesitan medicación. A través dun protocolo, denominado 'algoritmo de decisión' presentado na súa tese de doctoramiento desenvólvense fórmulas maxistrais orais líquidas para pacientes pediátricos. O estudo xa se está a aplicar no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP).
"Estas fórmulas son medicamentos para administrar por vía oral elaborados de xeito individualizado polo farmacéutico e están destinadas a un paciente concreto", explica a autora da tese desta investigación que se encontra dirixida pola catedrática África González na que se estuda en profundidade as características dos compoñentes deste tipo de medicamentos e a aplicación máis axeitada para os pacientes de menos de seis anos "incapaces, sobre todo lactantes e neonatos, de tragar un comprimido ou unha cápsula,".
O estudo, segundo o Diario da Universidade de Vigo, desenvolveuse entre os pacientes pediátricos da área norte de Pontevedra a través do Servizo de Farmacia do Complexo Hospitalario entre o 1 de xuño de 2006 e o 31 de marzo de 2011. Durante este período estudáronse 135 casos, dos cales o 40% eran pacientes de menos de seis meses. Esta fórmula "á carta" adáptase ao menor de xeito individualizado e permite combinar a prescrición do pediatra coa historia clínica de cada paciente tendo en conta a patoloxía, intolerancias, doses prescritas ou a combinación con outros tratamentos.
Na actualidade, este algoritmo estase a aplicar no CHOP e a intención da autora é "difundilo mediante publicación científica". O estudo mostrou que o 22,2% dos pacientes presentaba algún tipo de intolerancia ou outra patoloxía que contraindicaba algún compoñente da fórmula estandarizada, o que obrigou a modificar a composición do 34% das fórmulas analizadas. Segundo a investigadora "elaboráronse en total 876 novas formulacións". Os resultados mostraron a boa aceptación por parte dos nenos ao sabor das fórmulas elaboradas.
No estudo, o 27% dos nenos sufrían unha enfermidade infecciosa (tuberculose, meninxite...); o 23,7% patoloxías cardíacas e o 20% problemas relacionados co aparato dixestivo (refluxo, vómitos, diarrea...). O medicamento máis prescrito foi a isoniazida, un xarope empregado para o tratamento e profilaxe da tubercolose.