Xapón súmase ao interese internacional polo plan de compostaxe da Deputación

Pontevedra
14 de setembro 2018

O vicepresidente da Deputación recibe á economista xaponesa Kaori Kii que está a compilar experiencias de compostaxe por varios continentes

Mosquera saúda "á xaponesa" á economista nipona Kaori Kii
Mosquera saúda "á xaponesa" á economista nipona Kaori Kii / Mónica Patxot

Xapón súmase ao interese internacional que está xerando o Plan Revitaliza e confirma, en palabras do vicepresidente da Deputación, César Mosquera, que "o sistema de compostaxe que estamos implantando na provincia xa transcende fronteiras".

César Mosquera, que recibiu este venres á economista xaponesa Kaori Kii, da Axencia de Cooperación Internacional do Xapón, lembrou que o interese procedente do país nipón se suma ás visitas anteriores de países como Brasil e Italia.

Mosquera explicou que a visita da xaponesa se enmarca nunha xira que está a realizar por varios continentes para recompilar fórmulas de compostaxe e na que decidiu incluír Pontevedra como un dos referentes das experiencias en marcha.

Informou, ademais, que Kaori Kii xa estivo na tarde do xoves visitando composteiros en Vilaboa e Pontevedra, acompañada polo asesor provincial Carlos Pérez, como parte dunha "axenda moi axustada" que tamén inclúe encontros co persoal técnico especializado que está participando na implantación da compostaxe na provincia.

O interese nesta experiencia responde, segundo explicou Carlos Pérez, a que "Xapón é un dos países máis incineradores do mundo e a Axencia Internacional está intentando diversificar a súa xestión de residuos coñecendo outros sistemas que xa están en marcha".

Tras as visitas de onte a composteiros comunitarios, Kaori Kii salientou como un dos puntos máis positivos "a compostaxe que se realiza no propio lugar" por entender que é unha fórmula "sustentable" e que limita o "esforzo" de trasladar os residuos.

A economista xaponesa amosouse "moi impresionada" polo funcionamento do modelo pontevedrés e asegurou que lle gustaría que "se collera este costume" no seu país, onde a educación ambiental ten unha gran consideración.