'Xantar quilómetro cero' no Carlos Oroza para degustar a súa horta e produtos de proximidade

Pontevedra
22 de novembro 2019

O xantar celebrouse no Taller restaurante "Álvaro Cunqueiro" do centro e foi eleborado polo alumnado do segundo curso do ciclo superior de Dirección de Cociña. Deste xeito, o Carlos Oroza quixo celebrar os 5 anos da creación da súa horta, coidada polo profesorado e o alumnado e que ofrece produtos sans e totalmente ecolóxicos

'Xantar quilómetro cero' celebrado no CIFP Carlos Oroza
'Xantar quilómetro cero' celebrado no CIFP Carlos Oroza / PontevedraViva

O CIFP Carlos Oroza organizou durante o día de hoxe un ‘xantar quilómetro cero’, consistente nun menú onde se empregaron verduras da horta ecolóxica do propio centro e outros produtos galegos de proximidade. 

O xantar celebrouse no Taller restaurante "Álvaro Cunqueiro" do centro e foi elaborado polo alumnado do segundo curso do ciclo superior de Dirección de Cociña. Deste xeito, o Carlos Oroza quixo celebrar os 5 anos da creación da súa horta, coidada polo profesorado e o alumnado e que ofrece produtos sans e totalmente ecolóxicos.

Asistiron ao evento diferentes profesionais do mundo culinario e representantes da vida pública, como a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; ou a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, entre outros. 

Todos os produtos da Horta Oroza son de tempada e cun alto valor engadido polos coidados que se lles prestan, desde o compost co que se abona a horta e obtido no propio centro co plan Revitaliza, ata a colleita para o seu uso nos talleres de cociña e de servizos e posterior uso dos restos orgánicos para producir máis compost.

Aos produtos da horta do centro únense os dos provedores, que tamén manteñen o seu carácter de proximidade e cultivados sen aditivos, sen pesticidas nin compostos químicos.

As firmas colaboradoras neste evento formativo foron Ecocelta, Casa Grande de Xanceda, Pazo Vilane, Castaña de Galicia, Mercado da Cosecha, O Mercado de Pontevedra, Pesca de Rías e os produtos de ecoagricultura Domaine de Saint Gery.