A Policía Local de Pontevedra alerta dos cortes de tráfico que se rexistrarán durante o luns 31 de xaneiro e o martes 1 de febreiro nas rúas Peregrina, Frei Xoán de Navarrete, Andrés Muruais e avenida de Vigo. Está previsto que nestas vías se desenvolvan obras de fresado e asfaltado para mellorar o estado das calzadas.
Luns 31 de xaneiro:
Entre as 08.30 e as 13.30 horas cortarase o tráfico nas rúas Frei Xoán de Navarrete e na rúa Peregrina, no tramo comprendido entre Sagasta e a propia Frei Xoán de Navarrete.
A partir das 15.00 horas, os traballos acometeranse na rúa Andrés Muruais e na avenida de Vigo, no espazo entre a Rúa Germán Adrio e a avenida de María Vitoria Moreno.
Nas dúas quendas de traballo garantirase o acceso e saída aos garaxes dos edificios situados nesta zona, segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra.
Martes 1 de febreiro:
As obras continuarán na Avenida de Vigo, no tramo que vai desde Pintor Luís Seoane ata o Nudo do Pino. O inicio das obras está previsto a partir das 09.15 horas e tamén se estenderán ata as 13.30 horas.
Durante a tarde retomaranse os traballos ás 15.00 e finalizarán ás 19.30 horas. A Policía Local realizará desvíos que permitan garantir a circulación do tráfico durante estas actuacións de reparación do firme.