A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, anunciou este martes que a persoa encargada de ler a declaración institucional do Goberno co gallo do Día Internacional para a Eliminación das Violencias contra as Mulleres será o xornalista Xabier Fortes.
A lectura terá lugar nun acto institucional previsto para o próximo venres, 25 de novembro, ás 11.30 horas na Subdelegación do Goberno.
Larriba destacou o compromiso deste pontevedrés “na loita contra as violencias machistas e co feminismo”. Así mesmo, a subdelegada resaltou a importancia de que “persoas como Xabier Fortes, cunha traxectoria e relevancia pública salientables, presten a súa voz para denunciar as violencias que seguen a sufrir as mulleres e subliñar o compromiso deste Goberno e da sociedade española coa súa erradicación”.
Ao acto asistirán tamén os responsables provinciais dos diferentes organismos estatais, das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado na provincia, e outros cargos públicos.