Na comisión europea desta mañá, a porta pechada, non se incluíu a situación dos cefalopodeiros en Mauritania como tema do día. Afirma o sindicalista de CIG, Xabier Aboi, que a retirada se debe a que non houbo nin comisión mixta nin científica sobre este tema e asegura que a Unión Europea o sabía dende hai quince días e o goberno español alegou que se decatou este pasado fin de semana.
O representante sindical, acompañado por tripulantes galegos da frota do caladoiro de Mauritania, indicou que se na comisión mixta que se celebra entre hoxe e mañá se asina un acordo da frota peláxica e cos marisqueiros, os cefalopodeiros non terán opcións en augas do país africano. Asegura que o que non van pescar os barcos galegos, o farán os chineses. "ÿ un problema político" asegurou, "Ata vamos a botar a Fraga de menos porque el hai cousas que non permitía. Os nosos gobernantes non petan na mesa. Que a Conselleira do Mar non diga nada e que a alcaldesa de Marín diga que lle parece comprensivo que non se trate o tema é indignante. Levamos sete meses na casa e non hai esperanza. De 24 barcos quedan 20".
Máis de 150 tripulantes están afectados pola decisión que adopte a Unión Europea. Tres deles recibiron unha proposta de sanción de entre 300 e 6 mil euros por concentrarse nun hotel da Coruña durante a conferencia europea de acuicultura.
A Conselleira do Mar asegura que se está a presionar
A Conselleira do Mar, Rosa Quintana, afirmaba esta mañá que dende a Xunta e o Goberno central se está a premer para que se celebre unha reunión do comité científico e poida resolverse este problema. Indicou que hai que seguir esperando a que a comisión "poida retomar ou protocolo para dar entrada aos barcos cefalopodeiros". E asegurou que o presidente da Xunta está moi preocupado por este tema.
Dende o sindicato CIG afirman que van acentuar os actos de protesta en caso de que non se resolva este tema.