Xa te podes inscribir para ser mestre composteiro

Pontevedra
24 de xaneiro 2017

O BOP publica este martes as bases das bolsas para os novos mestres composteiros. Os concorrentes terán un prazo de dez días naturais para presentar as súas solicitudes

Composteiro comunitario en Cabaleiro (Campañó)
Composteiro comunitario en Cabaleiro (Campañó) / Mónica Patxot

O Boletín Oficial da Provincia publica este martes as bases da convocatoria das bolsas para os novos mestres composteiros do Plan Revitaliza. Os concorrentes terán un prazo de dez días naturais para presentar as súas solicitudes, que deberán cumprir cos requisitos aprobados na Xunta de Goberno deste luns.

Inicialmente seleccionaranse 20 aspirantes que deberán realizar un curso teórico práctico impartido por persoal especializado na denominada ‘Facultade da Compostaxe’. Este curso, que terá unha duración de catro semanas, ten como obxecto formalos como mestres composteiros de xeito que finalmente 15 deles resulten elixidos para traballar en prácticas como parte do Plan Revitaliza para fomentar a compostaxe como sistema de xestión de lixo nos diferentes concellos da provincia de Pontevedra.

Poderán ser beneficiarios das bolsas as persoas que acrediten estar en posesión do título de bacharelato, ciclo superior de FP, graduado, diplomado, enxeñeiro, licenciado ou equivalente; ter finalizados os estudos con posterioridade ao 31 de decembro do ano 2004, acreditar o coñecemento da lingua galega en nivel CELGA III e estar disposto a realizar polos seus medios os desprazamentos aos centros de destino de traballo, entre outros requisitos.

A dotación económica das bolsas ascenderá a 1.400 euros ao mes, que inclúe os gastos en que incorra o bolseiro en concepto de dietas ou desprazamentos pola súa actividade. A duración das bolsas será de seis meses dende a súa incorporación prorrogables ata un máximo dun ano.

As preinscripcións fanse a través da web da Deputación.