Os hospitais da área sanitaria están a piques de ser zonas sen covid-19. Só dúas persoas permanecen ingresadas con coronavirus, ambas en Montecelo, segundo recolle o balance diario da pandemia que emite o Servizo Galego de Saúde.
Un dos pacientes está en planta e o outro, en estado máis grave, na unidade de coidados críticos (UCI). Non hai ningún nin no Hospital do Salnés nin no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.
Con respecto aos casos activos, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta con 43 persoas coa infección activa, unha menos que onte. Os novos contaxios foron dous.
Os que contraeron o virus e non están hospitalizados, un total de 41 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.
Desde o inicio da pandemia 21.185 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, un nas últimas 24 horas, e rexistráronse 205 falecementos asociados ao virus.
En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 304.528, 140 nas últimas horas. A estas probas súmanse as 143.091 probas de antíxenos e outras 109.112 probas de detección realizadas ata a data.
INCIDENCIA EN GALICIA
A nivel autonómico, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 554, 35 menos que o día anterior. Deles, 152 son da área da Coruña, 85 da de Lugo, 95 da de Ourense, 43 da de Pontevedra, 110 da de Vigo e 8 da de Ferrol
Do total de pacientes positivos, 9 están en UCI, 31 en unidades de hospitalización e 514 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 179.365 persoas curadas, rexistrándose 2.640 falecementos.
Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 2.855.867 probas PCR, 1.557 nas últimas 24 horas, que xunto co resto de probas diagnósticas permitiron detectar 23 novos infectados.