Dende este luns xa se poden solicitar os permisos para participar na Feira Franca, organizando ceas ou comidas (tanto particulares coma hostaleiros), así como para instalar un posto no mercado medieval. O prazo estará aberto ata o próximo 16 de xullo.
Así se anuncia dende o Concello de Pontevedra despois de que a Concellaría de Festas ordenase a apertura da Oficina da Feira Franca que, ao igual que en anos anteriores, estará situada no antigo edificio do conservatorio de música, na rúa Alfonso XIII. A oficina estará aberta de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas.
Como vén sendo habitual, cada solicitante deberá cumprir unha serie de requisitos de ambientación, montaxe dos postos e seguridade, acordes co espírito de recreación histórica que caracteriza a Feira Franca pontevedresa.
Este ano a Feira Franca estará dedicada á astronomía, polo que dende a organización agradecen que tanto na ambientación coma nas actividades que se realizan durante ese día xiren en torno a este tema.
En todo caso, ademais da oficina, todos os interesados en participar activamente nesta festa poderán obter máis información en www.feirafranca.info, a través do correo electrónico feirafranca2014@gmail.com ou no teléfono 986 86 05 87.