Xa se poden adquirir os abonos gratuítos para viaxar en tren desde Pontevedra

Pontevedra
24 de agosto 2022

Desde este mércores 24 de agosto xa se poden adquirir os abonos de transporte para viaxar de maneira gratuíta nos trens de proximidade e media distancia, entre eles os que teñan como saída ou destino as estacións de ferrocarril de Pontevedra, Vigo ou Vilagarcía de Arousa

Estación de tren de Pontevedra
Estación de tren de Pontevedra / Mónica Patxot

Desde este mércores 24 de agosto xa se poden adquirir os abonos de transporte para viaxar de maneira gratuíta nos trens de proximidade e media distancia, entre eles os que teñan como saída ou destino as estacións de ferrocarril de Pontevedra, Vigo ou Vilagarcía de Arousa.

Tras rexistrarse na páxina web de Renfe, os abonos de tren poderanse conseguir na propia web, nas aplicacións, nos despachos de billetes ou nas máquinas de autoventa. Estarán bonificados entre o 1 de setembro e o 31 de decembro.

As bonificacións do 100% están dirixidas a usuarios recorrentes que realicen polo menos 16 viaxes nos catro meses de vixencia da medida, segundo figura na Real Decreto Lei.

Para adquirir o abono, aínda que é gratuíto, é necesario depositar unha fianza de 10 euros para cada núcleo de proximidade, e de 20 euros para cada servizo de media distancia convencional, como é o caso das viaxes polo Eixo Atlántico galego.

Haberá que seleccionar as estacións de orixe e destino ás que se viaxará durante estes catro meses e posteriormente formalizarase cada viaxe que se desexe facer en calquera dos medios habituais, aínda que se recomenda o dixital.

O pago con tarxeta permitirá que a devolución da fianza se faga de forma automática, unha vez finalizado o período de validez, cumprindo as condicións do mesmo, é dicir realizar como mínimo eses 16 desprazamentos nestes catro meses.

En caso de non cumprir co número mínimo de viaxes estipulado, a fianza considerarase unha indemnización e non será devolta ao usuario.

O Goberno aprobou estas bonificacións aos usuarios recorrentes para axudar a facer fronte á alza dos prezos como consecuencia da guerra en Ucraína, fomentar o transporte público e reducir o uso do vehículo privado.