O Concello de Poio abre as visitas á Illa de Tambo para que a cidadanía poida coñecer este enclave insular na ría de Pontevedra que contén un patrimonio cultural e natural que é necesario protexer e preservar.
Segundo explicaron en rolda de prensa os concelleiros Silvia Díaz e Gregorio Agías, as visitas a Tambo realizaranse en grupos limitados, acompañados por guía e accedendo unicamente polo peirao.
Para a visita será necesario contar cunha autorización de acceso que se consegue a través da páxina web municipal e en turismodepoio.gal e ademais deberá contarse con billete das navieiras que realizan viaxes organizadas desde o Porto de Combarro: Mar de Ons e Pelegrín. O prezo do billete para un adulto é de 12,5 euros.
Para reducir o posible impacto negativo na illa, as visitas regulares realízanse en grupos organizados de 50 persoas con guía acompañante, en catro quendas por día. A duración da visita é de case tres horas.
Ademais, en datas distintas ás visitas regulares, o Concello de Poio poderá autorizar o acceso a asociacións e colectivos que o soliciten, organizadas en grupos de 50 persoas que deberán contar con guía acompañante e seguro de responsabilidade civil para a actividade.
As persoas que visiten Tambo deberán seguir en todo momento o itinerario establecido, respectando as instrucións do guía, persoal de seguridade e demais persoal baixo as directrices do Concello de Poio.
Hai que ter en conta que a illa non dispón de baños públicos nin de servizos médicos.
NORMAS A CUMPRIR
Toda persoa que visite a illa está obrigada ao cumprimento da normativa aprobada polo Concello de Poio, en especial a Ordenanza xeral de limpeza e medio ambiente, en virtude da cal se prohibe fumar, acender lume, tirar lixo ou deixar residuos, apartarse do roteiro establecido, extraer marisco, practicar pesca submarina ou deportiva, introducir animais excepto cans-guía, molestar á fauna, arrincar, cortar ou danar a vexetación, alterar a contorna ou alterar ou danar o patrimonio cultural e natural.
Tamén se prohibe satisfacer necesidades fisiolóxicas no espazo da illa, o acceso á praia, a atracada de embarcacións non autorizadas.
Silvia Díaz e Gregorio Agís incidiron tamén na necesidade de que a apertura da illa á cidadanía sexa, de momento, “de xeito moi controlado”, para garantir a súa preservación, ao tempo que se avanza na tramitación para conseguir que Tambo pase a ser declarado Espazo Natural de Interese Local (ENIL).