"Xa os sufrimos 60 anos", di Lores sobre ENCE, "e xa é hora de que se vaian" para recuperar a ría

Pontevedra
03 de marzo 2021

Ence leva, segundo o rexedor, "moitos anos tentando consolidarse na ría" e durante ese tempo "ameazou sempre" á poboación con eses "hipotéticos perigos", aos que terá que responder mediante o requirimento formulado polo Concello para que aclaren a situación de seguridade na que se atopan as súas instalacións

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot

Para o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, as declaracións do conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares, nas que apuntaba á posibilidade de que ocorrese un "susto ambiental maiúsculo" na súa fábrica de Pontevedra son "lamentables e condenables", pero considera que "non son novidosas" nas súas formulacións.

Ence leva, segundo o rexedor, "moitos anos tentando consolidarse na ría" e durante ese tempo "ameazou sempre" á poboación con eses "hipotéticos perigos", aos que terá que responder mediante o requirimento formulado polo Concello para que aclaren a situación de seguridade na que se atopan as súas instalacións.

"Terán que explicar que hai de realidade no que dixeron e a Xunta terá que esixirlle que demostre que a fábrica pode traballar con estas ameazas que dixo o seu presidente", sinalou Fernández Lores, que apunta que "esta vez se pasaron".

Sexa como sexa, o alcalde volveu a reiterar que o posicionamento do goberno municipal pasa por "recuperar a ría" e para iso, engadiu, "hai que trasladar Ence".

A empresa pasteira, segundo o rexedor pontevedrés, "ten que cumprir a lei" como calquera outra compañía que opere en Galicia. "Parece que estes señores teñen dereito de pernada", engadiu, grazas á incorporación de "xente do PP" no seu consello de administración.

"Xa os sufrimos 60 anos e xa é hora de que se vaia indo", engadiu Lores, que aclarou que lle "preocupan" os postos de traballo que xera pero para mantelos a "única posibilidade" será nunha localización "alternativa" fóra da ría e con tecnoloxía "diferente".