A primeira edición do concurso de tapas e petiscos 'En Ribadumia, tapa o teu baldón', da Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas, chegou ao seu fin, pois xa hai un establecemento hostaleiro gañador.
A puntuación final dos petiscos logrouse a partir dos votos do xurado profesional anónimo e dos clientes que visitaron cada establecemento e emitiron o seu voto empregando a folla de puntuación proporcionada.
Este certame celebrouse desde o 17 ata o 21 de maio, en que os clientes e veciñanza da zona puideron percorrer todos os locais hostaleiros participantes e degustar os petiscos a un prezo de 1,50 euros.
O gañador do concurso será revelado o próximo sábado 3 de xuño no acto da cata final, arredor das 13 horas. O acto da entrega do premio de concurso de tapas será o culmen dun proceso de avaliación "minucioso e xusto", que tivo en conta "a creatividade, a presentación e a estética, os valores gastronómicos, a orixinalidade e a técnica e, por suposto, o delicioso sabor das tapas participantes".
O Concello de Ribadumia destaca "o altísimo nivel desta primeira edición do concurso, que foi todo un éxito grazas ó compromiso e a responsabilidade dos establecementos hostaleiros do municipio". Este evento foi unha oportunidade para promocionar os produtos locais e seguir mantendo viva a tradición do viño tinto na comarca.
Ademais, o goberno local tamén quere agradecer a todos os participantes e clientes "a súa dedicación e entusiasmo na creación de tapas únicas que cativaron os padais de todos os comensais".
En total, recolléronse os votos de 184 persoas, dos cales foron válidos 157. Os establecementos que recibiron maior número de votos e, polo tanto, os máis degustados pola veciñanza, foron o Náutico de Cabanelas, a Peneira e Os Castaños; nesa mesma orde.
Recoñécese tamén o labor do xurado profesional, cuxa experiencia e criterio foron moi importantes para elixir ó gañador, xa que a súa puntuación valía o 50% dos votos emitidos.
O concurso 'En Ribadumia, tapa o teu baldón' é unha celebración na honra da gastronomía local e unha homenaxe á creatividade culinaria dos seus locais. Desde o Concello de Ribadumia convídan a unirse a toda a programación preparada para celebrar a Festa do Viño Tinto do Salnés desde o 1 ata o 4 de xuño.