O pleno da corporación municipal, cos votos a favor de BNG, PSdeG-PSOE e Marea, aprobou unha modificación de crédito que roza os tres millóns de euros. Case a metade dese diñeiro, 1,4 millóns, servirá para financiar a reforma do tramo final de Cruz Vermella, desde a praza da Castaña -esta incluída- e Pai Amoedo. O PP e Cidadáns abstivéronse.
O edil de Facenda, Raimundo González, defendeu esta modificación de crédito, que se realizará con cargo ao superávit do orzamento de 2016 e que servirá, dixo, para afrontar obras "trascendentais" para todo o municipio.
Xunto con Cruz Vermella, haberá diñeiro -900.000 euros- para obras de accesibilidade en Santo André e Santa María de Xeve, Campañó, Lérez, Alba, Ponte Sampaio e A Canicouva; para mellorar a iluminación de todas as pontes urbanas (450.000 euros) ou para completar o cambio a LED de todos os puntos de luz de Ponte Sampaio e A Canicouva (197.000 euros).
Tamén se incrementará o orzamento do Pazo da Cultura en 60.000 euros para diversas actividades e empregaranse 20.570 euros no deseño dunha aplicación informática en materia de turismo relacionada cos fondos europeos DUSI.
Marea votou a favor pero o seu portavoz, Luís Rei, pediu diálogo cos veciños para afrontar a reforma urbana en Santa Clara.
Moito máis crítico foi o concelleiro do PP para asuntos económicos, Rafael Domínguez, que criticou que esta modificación de crédito é "froito da improvisación" do goberno municipal e lembrou que provén de diñeiro que non foi executado no orzamento anterior.
CONTA XERAL
Un documento técnico, a conta xeral de 2016, xerou tamén un amplo debate na sesión plenaria. Foi aprobado cos votos a favor de BNG e Cidadáns e a abstención de Marea. Socialistas e populares votaron en contra entre críticas á xestión económica do actual goberno municipal.
Luís Rei lamentou a "discrecionalidade" nas adxudicacións municipais directas, que en 2016 ascenderon a 12,7 millóns de euros; mentres que o socialista Agustín Fernández asegurou que o modelo do BNG "vai esmorecendo" e que é "incapaz" de dar solución aos problemas da cidade, especialmente en barrios e parroquias que ven "abandonadas".
Desde o PP, Rafael Domínguez engadiu que non ve no goberno municipal "ni trabajo ni ilusión" e entende que esta conta xeral demostra a "ineficacia e incapacidad" do BNG para sacar adiante os seus proxectos. O alcalde e o seu equipo, sinalou, están "cansados, sin energía y sin ilusión" e máis preocupados "por las luchas de poder que por gestionar la ciudad".