O dispositivo de pago automático de peaxes (OBE) de NCG Banco, tanto para os clientes de Novagalicia como para os de EVO, é o primeiro e único que desde este luns mesmo pode ser utilizado en todas as autoestradas e autovías de Portugal, o que converte á entidade financeira galega na primeira que ofrece este servizo aos seus clientes.
Os gobernos de España e Portugal anunciaron hoxe o acordo que permite a interoperabilidade das telepeaxes españolas en Portugal.
Ata agora, a única posibilidade era comprar un dispositivo portugués ou alugalo por un período de tempo limitado. Polo momento, NCG é a única entidade que ten contrastada a interoperabilidade do 100% dos dispositivos e que pode asegurar a todos os clientes que o seu dispositivo funcionará correctamente en Portugal.
Os dispositivos de NCG Banco convértense así nos únicos de España que xa funcionan en toda a rede de autoestradas e autovías de pago en Portugal.