Xa funciona a pleno rendemento o novo emisario submarino da depuradora dos Praceres

Pontevedra
03 de novembro 2023

Teresa Gutiérrez,directora de Augas de Galicia, xunto co delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera; a directora do Intecmar, Covadonga Salgado; e Mari Carmen Vázquez, presidenta da confraría de Lourizán, comprobaron este venres o funcionamento desta instalación. A Xunta quere iniciar o proceso para intervir na zona de cocheras en Lourizán, o punto que provoca máis contaminación actualmente na ría pontevedresa

Teresa Gutiérrez e Agustín Reguera, na EDAR
Teresa Gutiérrez e Agustín Reguera, na EDAR / Mónica Patxot

A auga residual que se trata na depuradora (EDAR) dos Praceres xa se emite polo novo emisario e condúcese ao longo da ría ata a súa expulsión.

As obras deste proxecto orzado en 12 millóns de euros iniciábanse en xuño de 2021 e durante os últimos dous meses estivo en fase de probas ata a súa entrada definitiva en funcionamento.

Teresa Gutiérrez, directora de Augas de Galicia, xunto ao delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera; a directora do Intecmar, Covadonga Salgado; e Mari Carmen Vázquez, presidenta da confraría de Lourizán, comprobaron este venres na IDADE o proxecto desenvolvido. 

Gutiérrez manifestou que a auga depurada é enviada polo novo emisario a un punto en que a disolución no caso de que se produza algún problema na EDAR evitaría que afectase as praias, zonas de baño ou bancos marisqueiros.

Esta obra, lembrou a directora de Augas de Galicia, súmase á acometida na propia estación depuradora na que se renovou o tratamento biolóxico e o tratamento de lodos para que se cumprise coa directiva da Unión Europea, que ameazaba cunha sanción económica. Sanción que xa foi levantada, explicou Teresa Gutiérrez.

A responsable do organismo público sinalou que a tecnoloxía de perforación dirixida empregada pola empresa adxudicataria da obra permitiu que o emisario saíse directamente ao leito mariño "sen necesidade de dragaxe para ese rescate" ofrecendo o "mellor punto de vertedura". 

Ademais, o novo emisario funciona por gravidade de maneira habitual aínda que conte tamén con equipos de bombeo. Esta condición permite unha mellora na "eficiencia enerxética".

A estación depurador trata 900 litros/segundo. En todo caso, Teresa Gutiérrez explicou que a Xunta de Galicia segue traballando na rede de saneamento coa intervención no tanque de tormenta en Marín e actualmente coas obras no colector do río Lameira; ademais dos dous proxectos de tanque de tormenta en Poio. 

Con todo, recoñeceu que o máis difícil de acometer é o bombeo de Cocheras "por onde probablemente entra máis contaminación na ría". Para abordar este proxecto é necesario utilizar terreos de dominio público hidráulico e por tanto é precisa a autorización de Costas. 

Avanzou que o proxecto se atopa en fase de redacción e afirmou que "necesitamos un acordo" con Costas para abordar este punto contaminante. Tamén teñen previsto sacar a licitación o proxecto e obra para a ampliación da depuradora dos Praceres. 

O emisario que viña utilizando ata o de agora continuará pertencendo á Xunta de Galicia e, segundo Teresa Gutiérrez, "segue traballando a determinada cota". Apuntou que con mareas vivas converterase nun emisario complementario do novo e en casos de emerxencias servirá como alternativa cando sexa necesario realizar tarefas de mantemento do novo. Indicou que é unha infraestrutura "valiosa e queremos conservala e mantela".

Ademais, o outro emisario permitirá manter separados as dúas verteduras. O novo ocuparase dos residuais, mentres que o antigo encargarase das verteduras industriais. "Ence o utiza normalmente. A vertedura industrial sae por aí sempre", asegurou a responsable autonómica.

O investimento total na depuradora e na emisario ascende a case trinta millóns de euros. Segundo a Xunta de Galicia, os límites de vertedura sitúanse agora entre un 60% e un 80% por baixo do establecido pola lexislación europea e elimina o 90% dos contaminantes.

Desde a confraría de Lourizán, Mari Carmen Vázquez recoñecía a importancia desta intervención para o banco marisqueiro, que actualmente ten categoría B, e advertía tamén da necesidade dunha actuación no bombeo de Cocheras.

Arquivado en