A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou este martes en rolda de prensa que xa están en marcha os campamentos que a administración provincial organiza nas súas instalacións do Centro de Vacacións da Lanzada co nome de "DepoAventura". Concretamente, nesta primeira quenda dos once programados hai un total de 140 nenos repartidos en 8 grupos.
Ofértanse para este verán un total de 1.540 prazas destinadas a nenos da provincia de Pontevedra nacidos entre 2009 e 2014. A institución destinou 210 prazas a menores en risco de exclusión social e 25 a alumnado do Centro Príncipe Felipe.
Tras dous anos de parón provocados pola pandemia, a Deputación de Pontevedra recupera estes campamentos. O programa desenvolverase entre o 26 de xuño e o 10 de setembro en 11 quendas de sete días de duración cada unha. A entrada será o domingo pola tarde, de 16:00 a 18:00 horas, e a saída o seguinte sábado, de 10:00 a 12:00 da mañá.
Cada grupo visitará a Illa de Ons e realizará unha segunda excursión relacionada coa natureza e o coidado do medioambiente. Tamén está previsto realizar o tradicional taller para elixir á mascota oficial do programa.
Carmela Silva explicou que baixo o nome "para Lanzada, un paseo pola historia", a Deputación oferta un programa de actividades destinado a favorecer a igualdade de xénero, a inclusión, a aprendizaxe da lingua inglesa, a arte, a cultura, o deporte, o respecto e coñecemento da natureza e a dinamización e o coñecemento multicultural da contorna. Este ano tamén están previstas actividades co fin de fomentar as vocacións científicas entre os menores participantes nos campamentos.