Xa está aquí a Feira Franca!

Pontevedra
04 de setembro 2015

Todo está preparado en Pontevedra para que, a partir desta noite, a cidade regrese ao medievo. Chega unha nova edición -a décimo sexta- da Feira Franca, unha festa que se estreará ao grande cun espectáculo visual e musical que terá a alquimia, tema central deste ano, como fío condutor. Iniciarase así unha das festas máis populares da cidade e que atraerá ata o seu centro histórico a decenas de miles de persoas

Ensaio do espectáculo inaugural da Feira Franca 2015
Ensaio do espectáculo inaugural da Feira Franca 2015 / Mónica Patxot

Todo está preparado en Pontevedra para que, a partir desta noite, a cidade regrese ao medievo. Chega unha nova edición -a décimo sexta- da Feira Franca, unha festa que se estreará ao grande cun espectáculo visual e musical que terá a alquimia, tema central deste ano, como fío condutor. Iniciarase así unha das festas máis populares da cidade e que atraerá ata o seu centro histórico a decenas de miles de persoas.

Este espectáculo inaugural volverá ter como escenario A Ferrería. A partir das dez e media da noite, cinco compañías diferentes, dúas delas pontevedresas, Kull d'Sak, Troula, Roxie Produções, Pablo Méndez performances e Pedro Volta serán os encargados de poñer en escena unha novidosa e arriscada montaxe que, segundo explicou este mércores a concelleira de Festas, Carme da Silva, terá "pouco diálogo e moita vistosidade".

Pero como vén sendo habitual, dende as sete da tarde, un grupo de pregoeiros a cabalo percorrerán xa as principais rúas e prazas do centro histórico anunciando a celebración da Feira Franca. Será hora e media antes de que a igrexa conventual de San Francisco acolla un concerto de música medieval a cargo das agrupacións Antiqa e Ultreia. Tamén haberá actividade na praza do Teucro cun amplo repertorio de música e bailes medievais, interpretado pola asociación de coros e danzas Duos Pontes.

O día grande a Feira Franca, festa que traslada a Pontevedra ao ano 1467 cando o Rei Enrique IV de Castela lle outorgou á cidade o privilexio para instaurar un mercado libre de impostos dun mes de duración, será o sábado.

A partir das once e media da mañá abrirán os postos do mercado medieval de Santa María e da mostra de oficios da Ferrería e, media hora despois, a asociación recreativa de Xeve poñerá en escena a recreación do transporte do viño entre a rúa Santa Clara e a praza da Peregrina e que, como novidade este ano, incluirá unha voda medieval. Propostas musicais, deportivas, exhibicións de cetraría ou baile e espectáculos de animación pola rúa integran o amplo programa de actividades.

Ademais, a praza de touros acollerá, un ano máis, o tradicional torneo medieval. Será con dúas sesións, ás cinco e media e ás oito da tarde, e que nesta ocasión correrá a cargo dunha compañía galega, Hípica Celta. A entrada é de balde ata completar a capacidade do recinto. O fin de festa, previsto para as once da noite, estará protagonizado pola compañía Art Monium cun vistoso pasacalles polo centro histórico.

Ao grande ambiente que se xera en Pontevedra coa Feira Franca contribuirán, sen dúbida, as numerosas comidas e ceas que se autorizaron este ano en diferentes puntos da zona monumental ou a Alameda. En total, concedéronse 250 permisos a particulares e outras 140 a establecementos hostaleiros que, de novo, se esforzaron por participar nunha festa que lles reporta grandes beneficios económicos.

Arquivado en