Pontevedra deu o disparo de saída ao Nadal este xoves 5 de decembro, cun acto que encheu a Praza de España de música e luz.
Ás sete e cinco minutos, o alcalde Miguel Fernández Lores e un grupo de nenos premían o interruptor que iluminaba a impoñente árbore de 60 metros fronte á casa consistorial.
O acto comezaba puntual, ás 19:00 horas. Cun espectacular golpe de efecto, os integrantes da Banda de Música de Pontevedra asomábanse os doce balcóns e a balconada central do recentemente renovado consistorio.
Entre xogos de luces e boa música interpretaron dous coñecidos temas de Nadal que foron coreados polos presentes.
Despois do acendido das luces, foi a quenda para os cantos de Maravallada e a animación de rúa cos bonecos xigantes de Luz Branca de Nadal.
A chuvia que se sucedeu durante toda a xornada deu unha tregua para que nenos e maiores puidesen gozar do momento.
O público case enchía por completo a Praza de España e mesmo se formaron as primeiras colas para tomar a tradicional fotografía no interior da árbore.
A cidade conta con catro árbores iluminadas. Ademais da situada na Praza de España, pódense atopar tres máis: en Curros Enríquez, Eduardo Pondal e na Praza das Camelias (xunto ao Centro de Saúde da Parda).