Coas Festas de Verán de Pontevedra regresa a feira de artesanía e deseño Chalana que, dende este mércores, reune a artesáns de toda Galicia durante case tres semanas.
As casetas desta feira estarán abertas ata o vindeiro 4 de agosto no Paseo de Antonio Odriozola, nas inmediacións da Praza da Ferrería, en horario de 11 a 14 horas, polas mañás; e entre as 19 e as 22:30 horas pola tarde-noite.
É unha feira de artesanía na que o verdadeiro protagonista é o deseño das pezas que se exhiben de téxtil, cerámica, coiro, xoguetes, instrumentos musicais tradicionais, cunchas mariñas, macramé, pintura, xoiería, entre outros produtos.
Este ano Chalana conta con cinco novos asistentes "á que quizáis é a mellor feira de artesanía de Galicia que se celebra no verán. Tiñamos peticións para facer o dobre de feira, pero o espacio é o que é, está razoablemente pensada para a cantidade de xente que pasa por Pontevedra e funciona moi moi ben", explicou Xosé Tristán, pertencente a Asociación Deseño Atlántico, a organizadora de Chalana.
A feira ten unha variedade moi grande de produtos que ofrecen dez artesáns galegos e outros cinco de diversos lugares da península, "incluíndo un que ven de México, pero que reside aquí".
A concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías animou á cidadanía a que se achegue pola feira de artesanía, "a que vexan todo o que somos capaces de facer e tamén que merquen, puesto que é unha opción que eu creo que hai que protexer".