Chega unha nova entrega da serie "A cociña gourmet en conserva", da man de Conservas Pescamar. Nesta ocasión, imos preparar unha receita que nos trae os sabores da cociña oriental e coa que imos aproveitar todos os beneficios dun dos moluscos máis importantes das nosas rías: o mexillón.
O mexillón é un molusco altamente nutritivo, grazas á súa achega en ferro, fósforo, vitamina B12 e omega 3. O seu baixo contido en graxas e alta porcentaxe de proteínas, convérteno nunha perfecta alternativa ás carnes vermellas.
A pasta wonton é unha preparación moi común na gastronomía de China e en gran parte de Asia. Elabórase con fariña de trigo, auga e sal (opcionalmente tamén ovo). Unha vez rechea, pódese cociñar ao vapor, fervida ou frita.
Para preparar uns deliciosos 'Wontons' fritos con mexillóns Pescamar, necesitamos os seguintes ingredientes:
- 1 lata de mexillóns picantes en escabeche Pescamar
- 1 paquete de pasta wonton
- 300 g. lagostinos cocidos
- 4 paus de carne de cangrexo (surimi)
- 1 cebola
- Cenorias
- Sal
- Pementa negra moída
- 100 ml. whisky
- 100 ml. aceite de oliva virxe extra
- Salsa agridoce
Preparación:
Picamos á xuliana moi fina a cebola, a cenoria e o surimi. Rustrimos de 4 a 5 minutos sen deixar que se douren as verduras, pero permitindo que a cenoria estea branda. Salpementamos ao gusto e engadimos o whisky. Reducimos por completo.
Cortamos en pequenos anacos os langostinos cocidos e os mexillóns picantes en escabeche Pescamar. Incorporámolos ao rustrido.
Estendemos as láminas de pasta wonton e colocamos unha culleradiña da preparación anterior no centro de cada unha.
Para pechar, humedecemos cun pouco de auga, xuntamos os bordos da oblea e pechamos dando forma de saquiño.
Fritimos en abundante aceite moi quente ata que os wontons estean dourados e crocantes.
Servimos quentes nunha bandexa acompañados dun bol coa salsa agridoce.
En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.