En tempos de límites perimetrais, o Concello de Marín quere que a cidadanía da vila goce de propostas para coñecer paisaxes e roteiros sen saír do municipio. Deste xeito, o goberno local a través de Cristina Acuña e Marián Sanmartín, concelleiras de Turismo e Medio Ambiente, presentaron este martes as melloras relacionadas co apartado de sendeirismo.
Entre as diferentes propostas atópase a creación da conta 'SendeirismoMarin' dentro do portal e na aplicación móbil de Wikiloc, onde figuran roteiros de todo o planeta, coa posibilidade de acceder a información actualizada dos seis roteiros dispoñibles na vila: a Ruta das Praias; a Ruta dos 5 Miradoiros; a Ruta dos Montes e Praias; en versión longa e curta; a Ruta do Monte Penizas, coa variante de Santomé; e a Ruta do Lago de Castiñeiras.
Na web municipal pode accederse directamente a Wikiloc para coñecer estes espazos con todos os datos relativos as súas características. Ademais, o goberno local repintou os tramos das rutas de 5 Miradoiros e Penizas, coa intención de mellorar a súa sinalización.
Cristina Acuña, responsable de Turismo, afirma que o sendeirismo é unha actividade deportiva moi completa que se pode gozar de maneira individual, en parella ou en compaña da familia.
Os roteiros das Praias, dos 5 Miradoiros e o de Montes e Praias contan co distintivo de Sendeiros Azuis, concedido pola Asocación de educación ambiental e do consumidor, Adeac, co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica.