Votación nos xulgados da Parda ao berro de "traidores" e "vendidos"

Pontevedra
27 de abril 2018

Traballadores da Administración de Xustiza e delegados dos sindicatos CUT, CIG y STAJ pregúntanse por que os representantes de CCOO, UGT, CSIF e USO aceptan un acordo que hai 8 días rexeitaban e lamentan as condicións deste acordo

Protesta durante a votación do preacordo para paralizar a folga de funcionarios de Xustiza / PontevedraViva

Varios axentes da Policía nacional atopábanse este venres no edificio dos Xulgados da Parda debido á tensión que se rexistraba durante a votación en urna, que se levaba a cabo para que os funcionarios de xustiza decidiran se apoiaban o preacordo que os sindicatos CC.OO., UGT, CSIF e USO acadaron nas últimas horas coa vicepresidencia da Xunta para rematar a folga que leva case tres meses de duración.

Representantes dous outros tres sindicatos, CIG, CUT e STAJ, contrarios a este preacordo, acompañados por outros traballadores amosaron a súa oposición e trasladaron o malestar a algúns delegados que se atopaban recollendo as papeletas na mesa de votos. "Traidores", "vendidos", "vergüenza", "falsos" foron algunhas das expresións que se lles dedicaron durante a votación que se prolongaba ata as 17.00 horas.

Os críticos apuntan a que o preacordo estaba pactado desde hai máis dun mes sen que se trasladara información duns a outros sindicatos. Tamén sinalan que este preacordo é unha sinatura en falso que non vai pechar un conflito en que numerosos funcionarios síntense enganados despois dun longo período de paro sen cobrar.

A Xunta de Galicia contempla un aumento do salario de 140 ao mes para os forense, 135 para os xestores, 127 para os tramitadores e 122 para o corpo de auxilio. Esta suba está previsto que se leve a cabo en tres anos. Estas cifras son rexeitadas por CUT, CIG e STAJ.

Durante a xornada, o sindicato Comisiones Obreras mantiña unha asemblea nos locais sindicais e o delegado Antonio Millares alertaba das dificultades que os seus afiliados estaban a sufrir para votar nos Xulgados da Parda e ata o edificio xudicial foron varios dos seus delegados, segundo indicaba a secretaria de organización de CC.OO., Mabel Pérez Simal.

Pola súa banda, Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT, tamén lamentaba esta situación de tensión e alegaba que moitos traballadores estaban a desvencellarse da folga debido á longa duración e apuntaba que é necesario retomar a normalidade nos xulgados galegos.