Membros da Plataforma de Afectados polas Preferentes do Baixo Miño acudiron este luns ao xulgado do Contencioso Administrativo de Pontevedra para presentar 22 recursos, para continuar pola vía xudicial reclamando a retirada das multas impostas ao colectivo.
Ao rematar a entrega no rexistro medio centenar de membros desta Plataforma levou a cabo unha concentración ante a Subdelegación do Goberno, "para mostrar a nosa repulsa a estas sancións arbitrarias impostas coa intención de amedrentar e intentar eliminar este movemento social que lles resulta molesto", dixo Xulio Vicente, voceiro desta plataforma.
"Reclamamos xustiza porque nós non somos uns delincuentes", afirmou Vicente que se mostrou "convencido" de que o presidente da Deputación e do PP provincial de Pontevedra, "está detrás de todo isto".
Hoxe presentáronse reclamacións contra unhas multas que en conxunto superan os dez mil euros "pero xa presentamos nove recursos máis que son cinco mil euros e nos quedan outros tres mil euros que se recorrerán proximamente", informou.
As sancións foron impostas a persoas de Tui e O Rosal por concentración ilegal e resistencia á autoridade, indicou o voceiro da plataforma. "Pode haber un 2% das multas que sexan dubidosas, pero o resto son todas mentira", sentenciaron os membros da plataforma.
Xulio Vicente explicou que xa se aboaron sete mil euros en multas debido a que o pasado 20 de agosto vencía o prazo e, no caso de non aboar a sanción Facenda procedería ao embargo das súas contas bancarias.
Os afectados manteñen as súas esperanzas nun resolución favorable aos seus intereses pero lamentan que mentres tanto tivesen que aboar tres mil euros para facerse cargo do corenta por cento das taxas xudiciais para o recurso. "Temos os primeiros xuízos sinalados para novembro", informaron.
Ademais de reclamar a retirada das sancións, estes afectados esixiron a dimisión do Subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello.
DEVOLUCIÿN
O conflito pola venda masiva de participacións preferentes e débeda subordinada está resolto na súa maior parte, aínda que as plataformas de afectados buscan que se compense aos preto de 15.000 afectados que por descoñecemento ou despiste non se sumaron aos procedementos de arbitraxe ou se encontraron con que as quitas eran superiores ás que prevían.
Segundo os cálculos feitos por estes colectivos de afectados quedaron no limbo uns 200 millóns de euros, segundo asegurou o voceiro da plataforma de Baixo Miño, Xulio Vicente.
Este é un dos motivos polos que o Poder Xudicial decidiu prorrogar os reforzos asignados aos xulgados de Vigo e A Coruña que xa viña funcionando dende novembro do ano pasado, para dar saída á probable chegada de novas demandas.