O éxito acadado na edición de Noitepedras 2016 levou aos responsables do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro a continuar no mes de setembro cunha novidade importante pola temática escollida nesta ocasión, centrada na explicación da relación dos petróglifos coa paisaxe celeste da súa época, a Idade do Bronce.
O encargado desta actividade é o experto en astronomía cultural Benito Vilas, autor de varias publicacións no eido da arqueoastronomía e megalitismo despois do seu paso polo máster de Astronomía Cultural y Astroloxía da Universidade de Gales Trinity Saint David. Benito falará dos mitos gregos de creación do universo asociados coas constelacións, e da curiosa teoría de interpretación da cornamenta do cervo de Laxe dos Carballos coma un calendario solar.
O prezo por participar nesta edición de Noitepedras astronómico é de 10 euros por persoa na opción de soamente visita guiada “Petróglifos e Constelacións”, e 15 euros por persoa no caso de escoller a modalidade de “Bocatas Rupestres”, xa que ademais da visita guiada, inclúe un bocadillo e un refresco para cear na contorna do poboado da Idade do Bronce.
Trátase dunha singular oferta de turismo astronómico que pretende aproveitar a practicamente nula contaminación lumínica existente no Concello de Campo Lameiro.
- Horario: tódolos sábados de setembro (3, 10, 17 e 24) de 21:00 á 23:00 horas.
- Prezo: “Petróglifos e Constelacións” 10 euros (visita guiada)+ “Bocatas Rupestres” 15 euros (visita guiada+ cea de bocadillo).
- Contacto: reservas@paar.es/986696066. Aforo máximo de 30 persoas. Obrigada a reserva de praza.