Regresan os chuvascos ás Rías Baixas a partir deste martes

Pontevedra
14 de outubro 2024

O servizo de Meteogalicia prevé unha semana de tempo cambiante para a zona das Rías Baixas e, en xeral, en toda Galicia, con temperaturas en descenso e aumento da probabilidade de chuvias

Agárdanse chuvascos nas Rías Baixas durante toda a semana
Agárdanse chuvascos nas Rías Baixas durante toda a semana

O servizo de Meteogalicia prevé unha semana de tempo cambiante para a zona das Rías Baixas e, en xeral, en toda Galicia, con temperaturas en descenso e aumento da probabilidade de chuvias a medida que avance a semana

  • Luns: Inicio da semana con nubes e posibles chuvias nocturnas

Este luns 14 de outubro, Galicia atópase nunha situación intermedia entre altas presións ao norte e borrascas ao sur da península.

A xornada comezará con bancos de néboa no interior e intervalos de nubes altas en xeral.

Pola tarde, esperase a entrada de nubes medias polo sur, con posibilidade dalgún chuvasco illado que se estenderá a toda a Comunidade durante a noite.

As temperaturas na provincia de Pontevedra oscilarán entre os 15 e os 28 graos, cun lixeiro ascenso das máximas.

O vento soprará frouxo de compoñente leste, con réxime de brisas nas Rías Baixas.

  • Martes: Aumento da inestabilidade

O martes 15, a situación meteorolóxica manterase similar, pero coa aproximación dunha borrasca polo sur.

Os ceos estarán parcialmente cubertos, con posibilidade de chuvascos ocasionais que se xeneralizarán durante a noite e a madrugada do mércores.

As temperaturas experimentarán un lixeiro descenso, situándose entre os 15 e os 25 graos.

O vento, inicialmente frouxo, intensificarase a moderado de compoñente sur a partir do mediodía.

  • Mércores: Chegada de frontes e descenso térmico

O mércores 16 marcará un cambio significativo no tempo. Galicia estará baixo a influencia dunha baixa presión situada ao oeste de Irlanda, que enviará sucesivas frontes ao longo do día.

Esperanse ceos nubrados con chuvascos xeneralizados, que poden ser ocasionalmente treboentos.

As temperaturas sufrirán un descenso moderado, oscilando nas Rías Baixas entre os 14 e os 21 graos.

O vento soprará do suroeste, cambiando a noroeste ao final do día.

  • Previsión para o resto da semana

Para o xoves, Meteogalicia prevé a continuación dos chuvascos e un novo descenso das temperaturas.

O venres actuará como xornada de transición, antes da chegada dunha nova fronte que deixará chuvias xeneralizadas na madrugada do sábado.