A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés volveu incrementar as hospitalizacións con ingresos por coronavirus durante as últimas horas: 43 pacientes, dous máis que o domingo. En planta de hospitalización hai 38 persoas infectadas: 30 no Hospital Montecelo, 5 no Hospital do Salnés e 3 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra. Na Unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra permanecen seis pacientes, como nas últimas xornadas.
Non se rexistraron novos falecementos, tras as tres persoas que perdían a vida entre o venres e o sábado por culpa da pandemia na área. O número de decesos desde o inicio do plan de continxencia continúa en 185 vítimas.
O número de casos activos é de 2.925, 22 menos que na xornada do domingo, con 2.881 persoas recuperándose nos seus domicilios. Desde o inicio da pandemia curáronse 16.296 pacientes na área, 184 nas últimas horas.
Rexistráronse 162 novos casos confirmados por probas con 1.084 PCR' s realizadas durante a última xornada. Na cidade de Pontevedra rexístranse 836 casos positivos, dez menos que o domingo.
A área de Pontevedra - O Salnés presenta 900 casos por 100.000 habitantes a 14 días, liderando a evolución da incidencia acumulada en Galicia.
DATOS EN GALICIA
A cifra total de casos activos en Galicia é de 18.807 persoas, 157 menos que na xornada do domingo. Destes casos, 18.479 recupéranse nas súas vivendas, con 328 persoas hospitalizadas, 12 máis nas últimas 24 horas; dos que 43 pacientes mantéñense na UCI, un menos que o 1 de agosto.
Durante o domingo, a Consellería de Sanidade comunicaba a morte de tres persoas, dúas delas na provincia de Pontevedra: un home de 54 anos no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo; unha muller de 80 anos no centro hospitalario de Povisa en Vigo e un home de 58 anos, no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. En total, faleceron desde o inicio da pandemia en terras galegas 2.464 persoas por culpa da enfermidade.
Segundo as mesmas fontes rexistráronse 939 novos positivos de covid-19 nas últimas 24 horas en Galicia. Trátase de 361 contaxios diarios menos respecto a os que se detectaron durante o domingo e 176 menos en relación ao últimos luns de xullo. Galicia sitúase no seu primeiro día por baixo dos 1.000 contagios diarios, despois de trece xornadas continuadas por encima desta cifra.
O número de casos activos por áreas é o seguinte: Vigo: 4.577 (-107); A Coruña-Cee: 4.002 (+56); Pontevedra-O Salnés: 2.925 (-22); Santiago-O Barbanza: 2.302 (+9); Lugo: 2.257(-9); Ourense: 1.763 (-108) e Ferrol: 981 (+24).