As barracas volverán á Festa da Primavera de Caldas de Reis despois dun ano de ausencia.
O evento, que se celebrará os días 11, 12 e 13 de abril, contará de novo coas tradicionais atraccións de feira tras alcanzarse un acordo entre o Concello e os feirantes, que aceptaron cumprir as normas do Plan de Seguridade.
Manuel Fariña, Tenente de Alcalde e responsable de Festas, confirmou o pacto e amosouse satisfeito de que "se impuxera a lóxica" entre os propietarios das barracas, que en 2024 rexeitaran as condicións de seguridade establecidas polo goberno local.
Na anterior edición, ante a negativa dos feirantes a aceptar as directrices municipais, o Concello optou por substituír as atraccións tradicionais por inchables e unha festa da escuma para o público infantil.
Segundo explica Fariña, os feirantes mantiveran daquela "unha postura de forza conxunta" para presionar o Concello e instalar os seus postos nas localizacións e condicións que eles consideraban, sen atender ás indicacións oficiais.
Para esta nova edición, o Concello contratará por segunda vez un Plan de Autoprotección que organizará toda a actividade na zona da Tafona "de maneira estrita para evitar incidentes", incluíndo medidas para controlar o botellón.
O plan, cualificado por Fariña como "básico e innegociable", analizará os riscos e planificará cuestións como as evacuacións, especialmente importantes ante a grande afluencia de público que atraen as orquestras.
"Este ano volvemos ter música con atraccións igual que nos anos anteriores, como todas nós queriamos, pero cunha garantía de seguridade que nestes momentos é imprescindible", subliña o concelleiro, quen agradece "a sensatez das persoas feirantes que se aveñen a cumprir as esixencias" e entenden que "non todo vale".
A programación da festa manterá o formato iniciado o pasado ano. A primeira xornada, o venres 11, estará dedicada ás sesións de DJ baixo o nome 'Kalidas Primavera Fest', mentres que o sábado e o domingo serán as principais orquestras do país as protagonistas.
O cartel será anunciado proximamente, segundo indican desde o goberno local.