A Deputación de Pontevedra alíase un ano máis cos produtores de mazá ecolóxica da comarca de Tabeirós-Terra de Montes nunha das iniciativas turísticas de maior atractivo na provincia: as "Rutas das maceiras en flor".
A institución provincial organiza catro visitas gratuítas a unha plantación de maceiras e a sidrerías da Estrada os días 29 e 30 de abril e o 1 de maio.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva anunciou que o prazo de inscrición abre este venres 21 de abril.
Para cada ruta estarán dispoñibles 40 prazas e as persoas que elixan a opción de incluír o traslado deberán acudir á capela de San Roque de Pontevedra, desde onde sairá o autobús.
O 29 de abril realizarase a Ruta Ribela na parroquia de Ribela, con saída ás 10:00 horas desde Pontevedra e inicio da visita ás 11.00 na Finca Callobre; e a Ruta Camiño na parroquia de Moreira, cuxo autobús sairá ás 16:00 horas. O 30 de abril a Ruta Rabiosa partirá ás 10:00 horas desde a cidade do Lérez; e o 1 de maio celebrarase a Ruta Peroja, tamén con saída ás dez da mañá desde Pontevedra. Na plantación de Callobre, que se visitará antes de acudir ás respectivas sidrerías, as persoas participantes poderán observar a sobreira de Valiñas, que ten preto de 300 anos de antigüidade.
Poderá reservarse un máximo de catro prazas por persoa e cubriranse as prazas por rigorosa orde de inscrición.