A CIG retomou este xoves as mobilizacións mensuais para esixir a derrogación das reforma das pensións de 2011 e 2013 e denunciar a fraude que supón, ao seu entender, a reforma aprobada polo Goberno de PSOE e Unidas Podemos, xa que non garante o mantemento do poder adquisitivo das pensións.
Foi un 27 de xaneiro, pero do 2011, cando esta central sindical convocaba unha folga xeral contra a reforma das pensións aprobada polo PSOE, que atrasaba a idade de xubilación e aumentaba o período de cálculo cun único obxectivo: dificultar o acceso a unha pensión pública e reducir as contías destas. Recortes nos que, denuncian, o PP afondou coa normativa que impuxo en 2013.
Lonxe de arranxar esta situación, desde a CIG denuncian que o Goberno, "malia toda a propaganda", consolida os aspectos máis lesivos destas reformas e pretenden vender como un avance a recuperación da revalorización das pensións co IPC. “Pero é un engano, porque a norma establece a revalorización segundo o IPC medio e non polo IPC acumulado. Isto supón que este ano perderemos un 4% do noso poder adquisitivo, xa que as pensións só soben un 2,5%, mentres que a inflación se situou nun 6,5%”, denuncia o Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG.
Nestas ideas afondouse precisamente no manifesto que se leu ao remate das distintas protestas que tiveron lugar nas sete cidades galegas, entre elas Pontevedra, no que se lembraba que hai exactamente 11 anos a CIG, en solitario, levaba adiante unha folga xeral contra a reforma das pensións do Goberno de Zapatero (co apoio de CCOO e UGT) que supuxo un enorme retroceso no sistema público de pensións, aumentando a idade de xubilación ata os 67, e cun aumento do período de cálculo que trouxo unha diminución das contías das pensións posteriores, entre outras medidas regresivas.
As críticas da CIG contra a reforma esténdense tamén aos sindicatos CCOO e UXT aos que consideran "paladíns", dunha nova reforma que segue afondando nos agravios para unhas pensións galegas que son as segundas máis baixas do Estado. Aa pensión media da Galiza non chega ao SMI e é inferior en máis de 150 euros á media estatal.
En consecuencia, dende o Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG anuncian que seguirán a mobilizarse mentres non se derroguen as reformas das pensións: a do 2011, a do 2013 e esta nova reforma que empeora aínda máis o acceso ao sistema público de pensións e ás contías das pensións.