Volven as PonteAndadas, a forma de coñecer Pontevedra camiñando

Pontevedra
13 de abril 2023

As PonteAndadas 2023 conforman un programa impulsado polo Concello de Pontevedra en colaboración con Naturgaliza e componse por oito andainas por Pontevedra. A primeira realizarase este domingo 16 de abril PonteAndada Panorámica - Parque da Fracha

Presentación de PonteAndadas 2023
Presentación de PonteAndadas 2023 / Juan Manuel García

As PonteAndadas 2023 conforman un programa composto por oito andainas por Pontevedra. A primeira será o domingo 16 de abril PonteAndada Panorámica - Parque da Fracha e seguirana: PonteAndada Camiño - Bértola, o domingo 7 de maio; o domingo 11 de xuño será a PonteAndada Familia - Pontilión do Castro; o domingo 1 de outubro, PonteAndada Extrem e Mini Extrem - Lérez, Verducido, Alba; o sábado 14 de outubro; PonteAndada Nocturna - Semi urbana; o domingo 12 de novembro PonteAndada de O Magosto- Bora e a última o domingo 3 de decembro PonteAndada de Nadal - Solidaria.

Esta actividade está impulsada polo Concello de Pontevedraen colaboración con Naturgaliza e comeza esta fin de semana. 

As PonteAndadas fomentan o deporte e a saúde, tanto física como mental. "Son asequibles, cada un pode ir ao ritmo que considere oportuno e coñecer lugares do noso concello que están escondidos, que son pouco coñecidos e que merece a pena poñer en valor" comenta Tino Fernández, concelleiro de Deportes. 

Juan Romero Ogando, representante de Naturgaliza, expón que hai andainas que son máis duras, pero seguen buscando que sexan alcanzables "porque aquí non se gana ningunha carreira, nin ninguén vai presionar a nadie para que vaia máis rápido ou máis lento”. 

Javi Piñeiro, representante de Naturgaliza, expón que estas andainas están relacionadas con temáticas culturais, deportivas, turísticas e sociais e que cada ano buscan variar as zonas e roteiros e que dependendo da estación pode cambiar totalmente un espazo: "parece completamente distinto facer unha ruta na primavera ou cambiar para facela no outono", destaca Piñeiro.

O representante de Naturgaliza, destaca“ a socialización da xente nas andainas". Desde a súa experiencia comenta que nas PonteAndadas se crearon "multigrupos", que posteriormente á actividade volveron quedar, polo que é unha forma tamén de coñecer persoas. 

Nas andainas do ano pasado, Piñeiro comenta que tiveron unha boa acollida: inscribíronse 1782 persoas e acudiron 1349. Desta cantidade o 70% eran mulleres, o 25% homes e o 5 % restante menores de idade. A media de idade na andaina á que foron máis persoas foi de 59 anos, sendo "unha media alta con respecto ao habitual na práctica deportiva" comenta o representante de Naturgaliza. Tamén recalca que asistiron moitas persoas dos arredores de Pontevedra. 

A PonteAndada deste domingo 16 ten 156 persoas apuntadas, comenta Romero, sen darlle visibilidade nos medios de comunicación, polo que contan con ao redor de 200 persoas para a primeira xornada.

As persoas que queiran asistir a esta andaina poderán inscribirse ata o venres 14 abril a través do email [email protected], chamando ao teléfono 625 482 636 ou de forma presencial na tenda Naturcamiña situada nas Galerías da Peregrina, 3. Os datos que hai que achegar nesta inscrición son nome, apelidos, DNI, data de nacemento e o teléfono de contacto de cada participante. Para poder participar hai que abonar a cantidade de 2 euros co concepto de 'seguro de accidentes'. Poderase realizar unha transferencia á conta de Naturgaliza ES82 2080 3116 0330 4000 8694 ou realizar un bizum ao teléfono de contacto.