Este sábado 16 regresa a actividade de venda do mercado ambulante de Pontevedra. A concellería de Promoción Económica estableceu medidas para evitar aglomeracións e que toda a xornada transcorra con normalidade.
Desde a concellería que lidera Yoya Blanco decidiuse establecer dous carrís de dirección única cun valo separador para o tránsito polo Paseo Rafael Areses e pola contorna do Parque Rosalía de Castro onde se instalarán os postos de venda. Tamén se instalarán dispensadores de xel hidroalcohólico na zona de acceso para os usuarios e controlarase a entrada de público por parte de vixiantes de seguridade e por axentes da Policía Local.
Elaborouse un mapa para redistribuír e aumentar o espazo para a instalación de postos de venda, que manterán unha distancia mínima de 3,5 metros de separación lateral entre eles e de 6 metros cos que están situados de maneira frontal.
No caso de que se instalen os 56 vendedores con licenza, unha situación que a concelleira considera improbable, estarán garantidas as condicións de seguridade sanitaria establecidas polos protocolos do Goberno central.
A empresa Reformas e Servizos Núñez realizará o pintado de delimitación no chan dos espazos que ocuparán os vendedores. A montaxe dos postos está marcada para o sábado entre as 07.00 e as 09.00 horas, baixo control. Todos os ambulantes están obrigados a atender ao público con máscaras protectoras.
Quedará prohibido para o público xeral aparcar no estacionamento do Recinto Feiral e xa se instalaron carteis informativos para alertar desta situación. Yoya Blanco indica que a continuación da actividade do mercado ambulante cumprirá coas medidas de hixiene e seguridade e os protocolos foron coordinados pola Policía Local contando co visto e prace por parte da Xunta de Galicia.
A concelleira advirte de que ela persoalmente manterase atenta para que "ninguén se desmande e que non haxa nin o máis mínimo incumprimento".