O Concello de Sanxenxo volve licitar a subministración de dous módulos de aseos para as praias de Foxos e Pragueira por 61.710 euros despois de que o anterior procedemento quedara deserto.
A renovación destes dous baños inclúese dentro dunha subvención concedida pola Consellería do Mar a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra, cunha achega de 64.759 euros na que se inclúe tamén o proxecto de protección dunar e mellora de accesibilidade de Areas. O orzamento total ascende a 86.297 euros.
Terán unhas dimensións de 7,10 x 2,55 metros. Cada módulo está dividido en tres habitáculos (un destinado a mulleres, outro a homes e o terceiro para persoas con mobilidade reducida).
PRAIA DE AREAS
Doutra banda, os traballos da mellora de acceso e protección dunar na praia de Areas avanzan a bo ritmo.
Está previsto que a renovación dos cen metros de pasarela de madeira de piñeiro, cunha anchura de dous metros e medio, conclúa esta mesma semana. Na posta a punto do novo tramo do paso, aproveitouse para aproximar o trazado ás vivendas facilitando a rexeneración natural da duna. Tamén se prevé a substitución do valado ao longo de trescentos metros tras a retirada de dez toneladas de plantas invasoras de forma manual.