Volve entrar auga no interior do colexio Froebel, tras un verán de obras no tellado

Pontevedra
19 de outubro 2023

As precipitacións das últimas horas provocaron que se filtrasen pingas de auga nos corredores do patio interior deste centro escolar de Pontevedra. Foi necesario instalar cubos para que a auga non se espalle polo pavimento en previsión para evitar caídas da comunidade escolar

Pingueiras no CEIP Froebel / PontevedraViva

Unha vez máis, coa chegada das choivas, o CEIP Froebel de Pontevedra recolle no seu interior a auga que se filtra polo tellado. Con motivo das precipitacións intensas das últimas horas, a comunidade educativa do centro escolar tivo que situar cubos debaixo dalgúns dos puntos por onde descende a auga nos corredores do patio interior en previsión para evitar esvaróns inoportunos do alumnado ou docentes.

Esta situación repítese un curso escolar máis, malia que este verán técnicos da Consellería de Educación e técnicos municipais, despois de numerosas demandas desde a ANPA do CEIP Froebel, realizasen unha análise conxunta sobre o estado da cuberta do centro para resolver de maneira inmediata a entrada habitual da auga no patio.

Desta forma, desde xullos operarios municipais limparon os canlóns e os faldones de cubertas. Pola súa banda, efectivos da Consellería repuxeron as baixantes da cuberta, repararon os canlóns danados e revisáronse outros elementos da estrutura para mellorar a recolleita da auga, entre outras intervencións.

O colexio Froebel ten pendente que se acometa a terceira fase da reforma prevista pola Xunta de Galicia neste centro. Segundo a Consellería de Educación está a ultimarse o proxecto para que sexa licitado e a obra co cambio de cuberta executaríase ao longo do ano 2024.

O orzamento previsto para esta actuación ascende a un millón de euros.