Preparen os padais. Barro volverá converterse en todo un paraíso para os amantes da boa gastronomía. Será grazas á II edición do certamen Barro de Tapas, actividade organizada pola Asociación Cultural Fervenza da Barosa que se celebrará entre o 15 e o 24 de marzo. Con ela, preténdese dinamizar as empresas, o turismo e a gastronomía do municipio.
En total, participarán 16 bares e restaurantes situados no Concello de Barro. Seis deles son de Portela, Parrillada As Brasas, Abuelo Pintos, Mesón Don Pulpo, Restaurante Porteliña, Café-Bar Maracaibo e Restaurante Casa Florita; catro de Curro, Café-Bar Parada, Café-Bar New York, Restaurante Casa do Porto e Taberna O Labrego; tres de Barro, Café Bar Breixo, Barosa Gastronatural e O Muiño de Valerio; un de Agudelo, Mesón A Eira; un de Perdecanai, Bar O Rincon Do Coxo e outro de Valiñas, Bar O Rial
Trátase da "práctica totalidade", segundo os seus organizadores, dos establecementos hostaleiros do municipio, xa que por motivos persoais caéronse dous deles, Restaurante Meli e Café-Bar Lourdes, "cos que esperamos contar en próximas edicións", sinalan.
En Barro de Tapas poderase degustar, xunto con cada unha das tapas, viño albariño das bodegas Viña Moraima e Pazo da Bouciña ou ben cervexa artesanal elaborada pola firma Saramagal. Todo iso a un prezo conxunto de 2,50 euros.
Nesta segunda edición de Barro de Tapas aumentarase o número de premios para os participantes. Sortearanse tres ceas gastronómicas en restaurantes da ruta e tamén unha estancia cea spa no Hotel Quinta de San Amaro (Meaño).
Máis información: http://www.facebook.com/BarrodeTapas