Volve aumentar o número de persoas ingresadas con covid en Montecelo

Pontevedra
10 de febreiro 2022

Segue a descender, malia que levemente, a cifra de positivos e este xoves 10 de febreiro, 5.267 persoas aparecen nas estatísticas da Consellería de Sanidade como infectadas na área sanitaria de Pontevedra-O Sanés. Son 20 casos menos que o mércores. Detectáronse 445 novos positivos nas últimas 24 horas

Datos covid-19 na área sanitaria este xoves 10 de febreiro de 2022
Datos covid-19 na área sanitaria este xoves 10 de febreiro de 2022 / Consellería de Sanidade - Xunta de Galicia

Aumenta en cinco persoas o número de pacientes hospitalizados na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, segundo os datos que ofrece diariamente a Consellería de Sanidade. Este xoves 10 de febreiro rexístrase un total de 89 persoas internadas nos centros sanitarios dos distritos de Pontevedra e O Salnés.

 5.267 persoas aparecen nas estatísticas da Consellería de Sanidade como infectadas na área sanitaria. Son 20 casos menos que o mércores

Permanecen seis enfermos na Unidade de Coidados Críticos mentres que en planta hai 67 ingresados no Hospital de Montecelo, cinco máis que o mércores; 15 no Hospital  do Salnés e 1 no Hospital Quirón Saúde. Non se rexistraron novos falecementos na área, polo que a cifra de decesos desde o inicio da pandemia sitúase en 248 vítimas.

Nas últimas 24 horas detectáronse 445 novos positivos nas probas diagnósticas realizadas.

DATOS EN GALICIA

En canto aos datos que ofrece a Consellería de Sanidade sobre a situación da pandemia en Galicia, este xoves volve rexistrarse un aumento na cifra de novos positivos. O Sergas notifica 4.006 contaxios novos, que son 811 máis que na xornada previa e 1.880 menos que hai unha semana.

O número de casos activos descende lixeiramente situándose en 49.182 pacientes, 194 menos que o mércores. A presión hospitalaria descende ao atoparse 582 persoas con  covid en planta, 12 menos que onte; e 47 nas UCI, un menos que hai 24 horas.

Por áreas sanitarias o número de casos activos é o seguinte: Vigo: 11.834 (-327); A Coruña-Cee: 10.738 (-52); Santiago-O Barbanza: 8.819 (-76); Pontevedra-O Salnés: 5.267 (-20); Lugo: 5.030 (-77); Ourense: 4.894 (+103); Ferrol: 2.334 (-11); e sen área sanitaria asignada figuran 266 casos.

Saúde Pública notifica sete falecementos, que elevan o número de mortes en Galicia derivadas da pandemia a 3.015.