Volve a tranquilidade á comunidade escolar de Barcelos tras un incidente cun vehículo á saída do centro

Pontevedra
14 de maio 2024

O director do colexio fai un chamamento para que, no caso de que se volva permitir o tránsito temporal de vehículos por diante do centro, se habiliten as necesarias medidas de seguridade antes de que haxa que lamentar unha desgraza

Luis Arceo, director do CEIP Praza de Barcelos, co valado de obra ás portas do centro
Luis Arceo, director do CEIP Praza de Barcelos, co valado de obra ás portas do centro / Mónica Patxot

O pasado venres 10 de maio viviuse unha escena de tensión ás portas do pontevedrés CEIP Plurilingüe Praza de Barcelos

Segundo relata unha das nais presentes, que pide permanecer no anonimato, á saída dos nenos e nenas ás 14:00 horas, un coche pretendía acceder ao seu garaxe, situado no edificio próximo ao colexio, o número 24 da praza de Barcelos, pasando por diante do centro.

Varias persoas que estaban no lugar indicáronlle á condutora que tiña que agardar a que se completase a saída dos escolares. Ante a insistencia da muller para que lle abrisen paso, un grupo de familiares plantouse e, formando unha ringleira ao berro de "por aquí non pasa", bloqueou o avance do vehículo ata que, uns minutos despois, se despexou a zona de menores e familias e xa puido o coche retomar a marcha cara ao seu garaxe.

Este treito é habitualmente peonil, agás o xoves e venres da semana pasada, en que as obras no vial que discorre entre o muro do convento de Santa Clara e as pistas deportivas obrigaron a derivar o tráfico de acceso e saída do garaxe do citado inmoble á zona peonil ás portas do colexio.

Malia que nun principio a condutora tiña dereito a pasar, a situación ten matices. Por unha banda, o feito de que nese mesmo intre era inviable abrirse camiño entre tal concentración de persoas. E, por outra, que, segundo confirma a este medio o encargado da obra de formigonado do perímetro de Barcelos, ese mesmo venres púxose un cartel no edificio afectado informando de que só se podía acceder ao garaxe a partires das 14:30 horas, para non entorpecer a saída dos escolares.

RESPOSTA DO CEIP BARCELOS

O director do colexio de Barcelos, Luis Arceo, non foi testemuña presencial dos feitos pero si lle chegou o relato por parte de diversas fontes. Nese momento, estaba dentro do centro ocupado telefonando á Policía Local para informarlles de que necesitaban unha patrulla que puidese ordenar o tráfico nesa hora punta de saída de escolares. "Estiven chamando dende as 11:30 da mañá, pero non viñeron", sinala. Finalmente, ás 14:15 chegou a Policía Local e levantaba o atestado do incidente

"As familias estiveron colaborando dunha forma marabillosa, pero son 400 rapaces que teñen que entrar e saír, ás 9:00 e ás 14:00 horas"

O director lamenta que se chegase a esta situación. "As familias estiveron colaborando dunha forma marabillosa, pero son 400 rapaces que teñen que entrar e saír, ás 9:00 e ás 14:00 horas", insiste.

Engade o docente que en canto se anunciou que os coches ían poder circular dous días por diante do centro, inmediatamente se puxo en contacto co Concello de Pontevedra e a Policía Local para ver que medidas se ían adoptar nas franxas en torno aos horarios de entrada e saída do alumnado.

Pedían dende o colexio que se prohibise o paso de vehículos a esas horas e que unha patrulla da Policía Local puidese garantir a seguridade dos menores. Non houbo resposta. Co engadido de que, ademais do paso de vehículos particulares cara ao garaxe, detectaron que tamén os furgóns de reparto e mensaxería, non autorizados para usar esta vía, aproveitaban a circunstancia para coarse por diante do centro, sumando un novo risco para a integridade das persoas, e sen que houbese autoridade para detelos.

Este luns, xa pasado o susto, a semana comezaba para a comunidade escolar do CEIP de Barcelos coa tranquilidade de que volve a ser peonil o espazo diante da porta do centro. Os traballos de formigonado da contorna da praza de Barcelos continúan, pero xa non afectarán á circulación de vehículos por este treito. O encargado de obra confirma que podería haber algún peche puntual, pero non está previsto a medio prazo.

Para evitar que se produzan novas situacións de risco, o director do colexio fai un chamamento para que, no caso de que se volva permitir o tránsito temporal de vehículos por diante do centro, se habiliten as necesarias medidas de seguridade antes de que haxa que lamentar unha desgraza.