Volve a Operación Quilo a Pontevedra e Poio para distribuír alimentos a 3.000 persoas da comarca

Pontevedra
29 de marzo 2017

Nesta cita solidaria van participar arredor de 80 voluntarios que, con identificación, facilitarán a entrega de alimentos por parte dos clientes dos centros comerciais situados na Barca en Poio e en San Blas, en Pontevedra

Nave do Banco de Alimentos de Pontevedra
Nave do Banco de Alimentos de Pontevedra /

A Fundación Provincial Banco de Alimentos desenvolverá na primeira fin de semana de abril a súa primeira campaña Operación Quilo de 2017. Nesta ocasión, está previsto que participen ao redor de 80 voluntarios que, cun distintivo de identificación, axudarán aos clientes dos centros comerciais de San Blas de Pontevedra e da Barca en Poio a participar con doazóns de alimentos nesta nova iniciativa.

Unha vez máis, a organización reclama produtos que precisen pouca elaboración como legumes en tarros de cristal e alimentos básicos como aceite, cacao e galletas. Os hipermercados que acollen esta proposta duplicarán despois as cantidades doadas polos clientes.

A Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu en 2016 máis dedous millóns de quilos de comida, un 25 por cento máis que durante o ano anterior. A ONG traslada despois estes alimentos a ao redor de 25.000 persoas con dificultades na provincia.

Na comarca de Pontevedra durante o 2016 distribuíronse ao redor de 225.000 quilos de comida, un 10% máis que ao longo de 2015. Estes alimentos entregáronse a través de 35 colectivos sociais a preto de 3.000 persoas que viven con dificultades económicas.