Este domingo, 29 de setembro, entre as 10:30 e as 14:00 horas, terá lugar a XVII Limpeza simultánea de ríos en toda a xeografía galega.
Esta actividade está organizada pola asociación ecolóxica Adega e o Proxecto Ríos, e contará coa participación de aproximadamente 60 municipios e 70 entidades en toda Galicia.
No caso da cidade de Pontevedra as persoas voluntarias limparán o Gafos e o Valdecorvos.
Vaipolorío e a Fundación Juan XXIII ocuparanse da limpeza do tramo urbano do río Gafos. Para participar hai que chamar ao teléfono 676 842 942 (Vaipolorío) antes do domingo.
A limpeza popular do río Valdecorvos está organizada polo Centro Social A Pedreira, a Asociación veciñal Altamira-San Antoniño, a Asociación de Nais e Pais do CEIP Vilaverde de Mourente e tamén Vaipolorio.
Neste caso os traballos comezarán desde a rúa Prado Novo na intersección co propio camiño do rego Valdecorvos.
A actividade contará cunha importante parte de educación e concienciación medioambiental e consistirá na retirada nas marxes do río do lixo acumulado, gardándoo en sacos que despois recollerá o servizo de recollida de lixo municipal.
Só é necesario levar un calzado cómodo para camiñar. Desde as asociacións facilitarán todo o material necesario (sacos, luvas, ganchos, etc) pero cada quen pode traer o seu propio, ademais do Proxecto Rios entregan un presente a todas as persoas participantes.
As persoas interesadas en participar desta limpeza poden aparecer directamente no punto de encontro ou solicitar mais información no enderezo electrónico: apedreira@riseup.net ou no teléfono/WhatsApp 623 31 75 79.