Máis de 60 persoas participaron desde primeira hora da mañá deste sábado nunha limpeza de residuos mariños en distintas praias na Illa de Cortegada, dentro do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, e retiraron máis de 177 quilos de residuos dos diferentes areais.
Segundo o balance realizado pola organización, durante esta xornada de voluntariado ambiental recolléronse, fundamentalmente, plásticos como botellas e botellos de bebidas, palliñas, tapóns, bolsas e envoltorios, ademais dos xa habituais bastonciños para limpar os oídos.
Como curiosidades, tamén se retiraron das praias xoguetes de cans e un recolledor, ademais de pequenos anacos deteriorados de difícil identificación.
Non faltaron residuos procedentes da actividade pesqueira como cordas, cabos, pequenos anacos de redes enmarañadas ou escarvadentes de mexillón extraviados durante a actividade bateeira.
A iniciativa enmárcase no programa Plancton de Afundación, que se desenvolve ao longo de todo este ano 2021, e conta coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP, e é complementario ao proxecto LIFE-IP INTEMARES.
A actividade de limpeza das praias tivo como complemento un taller de marisqueo impartido pola asociación de mariscadoras de Carril, AmarCarril, nos parques de cultivo.
As propias mariscadoras mostraron as distintas artes e o seu manexo, a xestión de tallas e especies ou as técnicas de cultivo e extracción, co obxectivo de que os participantes puidesen coñecer de preto a singularidade desta actividade, valorala e concienciarse sobre a importancia de que todos como sociedade actuemos de forma responsable para manter os recursos.
A próxima actividade programada dentro deste plan de conservación territorial será noutro dos arquipélagos do Parque Nacional, o de Ons, onde está prevista unha nova xornada de limpeza o sábado 5 de xuño.