A Deputación de Pontevedra pon en marcha unha nova edición do programa Voando nas Rías Baixas.
En colaboración coa asociación SEO/BirdLife, organizaranse durante este ano un total de sete rutas ornitolóxicas para sensibilizar á poboación sobre os recursos culturais e naturais da provincia de Pontevedra e a importancia de conservar o medio natural.
Este ano, como novidade, incorpórase unha nova ruta, a da costa sur da Ría de Arousa, e volven os percorridos das Brañas de Xestoso e o Esteiro do río Miño, que non se realizaron na edición de 2024 do programa pero si en anteriores.
O calendario de actividades de Voando nas Rías Baixas en 2025 comezará o próximo 2 de febreiro en Nigrán, na foz da Ramallosa e Praia América.
As inscricións para a estrea deste ano abrirán en dúas semanas, o luns 20 de xaneiro.
A seguinte será precisamente a novidade desta edición, a ruta da costa sur da ría de Arousa (Cambados e Vilanova de Arousa), que se celebrará o 9 de marzo. En terceiro lugar, as Brañas de Xestoso (Forcarei e Silleda), o 25 de maio, e posteriormente a ruta da praia da Lanzada (O Grove e Sanxenxo) o 22 de xuño.
O 28 de setembro celebrarase a ruta dos campos e lagoas de Rouxique (Sanxenxo), que irá seguida da do esteiro do río Lérez e a Intermareal Combarro-Lourido (Poio e Pontevedra), o 9 de novembro, e en último lugar a ruta da enseada de San Simón (Pontevedra, Soutomaior e Vilaboa), pechando o calendario o 14 de decembro.
Igual ca en edicións anteriores, ofértanse 25 prazas por actividade, la persoa solicitante poderá inscribirse xunto con tres acompañantes máis.
O percorrido, guiado por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús tanto para o desprazamento coma para a visita da zona na que ten lugar a actividade e recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado. Cada participante terá á súa disposición unha guía de aves, prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.