Vixilia nocturna nos Puntos de Atención Continuada, que seguen en pé de guerra

Pontevedra
21 de maio 2019

Na noite deste luns a martes, todas as Áreas Sanitarias de Galicia sumábanse á vixilia promovida con motivo do movemento reivindicativo dos PACs en pé de guerra dentro da folga que secundan desde o 7 de xaneiro para reclamar melloras laborais

Protesta de persoal dos PACs en Pontevedra
Protesta de persoal dos PACs en Pontevedra / PACs en pé de guerra

O persoal dos Puntos de Atención Continuada (PACs) levaron a cabo durante a noite deste luns a martes unha vixilia reivindicativa. O colectivo PACs en pé de guerra quere con esta protesta facer visible a folga que secundan desde o 7 de xaneiro para denunciar a sobrecarga asistencial e a conxelación dos complementos por realizar festivos e gardas nocturnas desde o ano 2010.

Tanto no PAC de Pontevedra como en Marín, Caldas, O Grove e Baltar, ademais de no resto de cidades de Galicia, o persoal encendía candeas e amosaba o seu malestar co Servizo Galego de Saúde da Xunta, ao entender que evita escoitar as peticións dos profesionais deste servizo en relación ao cómputo de xornada, malia que o Tribunal Superior de Xustiza avalou a postura do persoal a través de diversas sentenzas, segundo expoñen desde PACs en pé de guerra.

Denuncian que a administración sanitaria mantén á cidadanía como reféns ao non revisar os recursos humanos nin completar equipos. Por este motivo, piden aos usuarios dos centros sanitarios que se sumen as súas protestas e á recollida de sinaturas de apoio a través da plataforma change.org ou fisicamente nos propios centros de saúde.

O persoal reivindica unha atención extrahospitalaria de calidade, cunha adecuada dotación de persoal que non sufra sobrecarga de traballo e conte con condicións seguras e material axeitado para ofrecer o mellor servizo.