'Vive a Vida', unha xornada informativa para a comunidade con diversidade sensorial

Pontevedra
01 de abril 2022

Durante este venres, o Salón de Actos do Hospital Provincial acollía esta iniciativa organizada por Xoga con motivo da celebración dos Días Internacionais do Implante Coclear e a Audición

I Xornada Sociosanitaria da Comunidade con Diversidade Sensorial 'Vive a Vida'
I Xornada Sociosanitaria da Comunidade con Diversidade Sensorial 'Vive a Vida'

Este venres 1 de abril, o salón de actos do Hospital Provincial acollía a I Xornada Sociosanitaria da Comunidade con Diversidade Sensorial 'Vive a Vida'. Aberto ao público, este evento organizado pola Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (Xoga) pretende ofrecer un enfoque positivo e tamén realista do día a día no ámbito de sanitario e social das persoas con diversidade sensorial.

A cita organízase con motivo da celebración o 25 de febreiro do Día Internacional de Implante Coclear e do Día da Audición, o 3 de marzo. Entidades como a Asociación de Enfermos de  Artrite de Pontevedra (Asearpo); a Federación Española de Sordocegueira (Fesoce); a Deputación de Pontevedra; o Sergas e as concellerías de Saúde e de Benestar Social de Pontevedra colaboran nesta iniciativa.

Tino Fernández, concelleiro de Saúde, e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, participaban poñendo en valor o traballo das familias e do tecido asociativo que integran as asociacións sociosanitarias para que se poida desenvolver a "mellor sanidade do mundo". Tino Fernández destacou a importancia de visibilizar o labor destes colectivos e lembrou que en maio se organiza a  Feira da Saúde e o Benestar PonteSan. 

A primeira das charlas desta xornada tratou sobre o implante pezoeléctrico bilateral coa participación das doutoras Nieves Rodríguez e Tamara González. A continuación desenvolveuse a conferencia sobre o traballo dunha asociación polo paciente, a cargo de Juan José Otero, vicepresidente de Asearpo e a secretaria Maribel Vázquez.

O acto concluíu cun relatorio a cargo da psicóloga Cristina Pereira sobre os puntos en común entre a xordeira e o autismo.