As viñas de Santa Clara foron este venres obxecto dunha primeira visita por parte de técnicos da Asociación Galega de Viticultura para poder identificar, nun futuro próximo, o tipo de variedades de uva que medran neste espazo histórico.
A agrupación, representada polo seu presidente Roberto Rivas e por un dos seus membros, Iván Bello, comentou o interesante que é poder realizar este primeiro achegamento, a ollo, á hora de entender e coñecer as cepas do lugar.
Rivas explicou que estas levan varios anos abandonadas, polo que habería que facer un traballo de poda e rexeneración co obxectivo de "saber o que temos aí".
"Realmente poderíamos falar dun traballo urxente e importante, pois ao mellor atopamos aquí, entre as cepas de Santa Clara, algunha das xoias desaparecidas na viticultura galega", apuntou o presidente da Asociación Galega de Viticultura.
Con todo, prefire ser cauto sobre as variedades que pode haber en Santa Clara e non ofrecer unha conclusión precipitada sen ter a viña rexenerada, pero avanzou que podería haber trazas identificativas nalgunhas das vides, podendo ser algunha delas albariña, mencía ou catalá.
O proceso para saber con exactitude que variedades agocha Santa Clara pasaría primeiro por unha poda rexenerativa, logo viría a realización dun seguimento durante toda unha campaña para ver que tipo de uva dan e, no caso de seguir con dúbidas unha vez vista a folla e visto o froito, "debería ser realizada unha analítica xenética" para obter unha resposta definitiva.